Os Parlamentos na rúa. Sábado 11 de febreiro, en Cuntis!

O encontro e o contacto permanente entre representantes institucionais e veciños/as é o xeito no que moitos e moitas entendemos a acción política. O coñecemento de primeira man das situacións a resolver son o primeiro e ineludible paso para activar os mecanismos institucionais que procuren melloras. O vindeiro sábado, 11 de febreiro, contaremos en Cuntis cunha xornada para a posta en práctica deste xeito de entender a acción política. Visitarannos tres persoas procedentes de cada un dos tres Parlamentos con capacidade de influencia nas nosas vidas: o galego, o español e o europeo. Estarán en Cuntis Lidia Senra (do Europarlamento), Alexandra Fernández (do Congreso dos Deputados) e Antón Sánchez (do Parlamento Galego).

Será unha xornada na que percorreremos algúns dos asuntos de maior relevancia e aínda pendentes a día de hoxe no noso municipio. Faremos catro paradas que representarán cadansúa área temática e en cada unha delas haberá un encontro con veciños/as e/ou colectivos que representan os temas en cuestión.

O punto de encontro será ás 10:30 na Praza dos Árbores.

Desprazarémonos ao Polígono Industrial, símbolo das tarefas pendentes de altísima relevancia en Cuntis a día de hoxe. As posibilidades de futuro en entornos rurais como o noso pasan pola creación de emprego, así como a fixación de poboación que axude a frear a decadencia poboacional que padecemos. Será ás 11 da mañán e alí faremos un repaso pola historia e a situación actual do Polígono da Ran coa posibilidade de compartir información coas deputadas que nos acompañan. Poderemos valorar, a pé de campo, os recursos institucionais que se poden activar para contribuír no avance desta importantísima cuestión.

Seguiremos a nosa ruta cara a Troáns, ás 11:30 estaremos na Carballeira de San Ildefonso para repasar a situación actual da concentración parcelaria desta parroquia. O impacto destas concentracións no rural do noso país e a negativa da Xunta de Galicia a culminar este proceso e como afecta na vida das persoas.

A terceira parada será ás 12 da mañán na Praza de Galicia, ao pé da Burga Lume de Deus. O histórico conflito pola titularidade da auga termal en Cuntis e todas cantas temáticas conleva: a defensa e conservación do patrimonio, a auga como ben público, a iniciativa privada fronte ao respecto polo común, etc.

Remataremos percorrido ás 12:30 uns metros máis abaixo, na ponte sobre o río Gallo. O estado do seu leito, a negativa das administracións a proceder á súa limpeza e as consecuencias que provoca, as reiteradas enchentes e os danos en bens e propiedades privadas aos que os veciños e veciñas se vén condenados.

Convidámosvos a acompañarnos neste percorrido no que, ademais de repasar cada unha destas cuestións, teremos a oportunidade de transmitirlles en primeira persoa as nosas impresións aos deputadas/o dos tres Parlamentos nos que se toman decisións que afectan ás nosas vidas.

Share

Tamén pode gustarche...